Thursday 02 de May de 2024

Moeche reitera neste 8 de Marzo o seu compromiso coa Igualdade


As portavoces dos dous grupos con representación municipal no Concello de Moeche (BNG e PP) ratificaron este mediodía a declaración institucional con motivo do Día Internacional da Muller. O texto alíñase coa reivindicación da ONU-Muller deste ano, enfocada na demanda dun mundo dixital inclusivo que oriente a innovación e a tecnoloxía tamén cara á igualdade de xénero. Porén, a declaración tamén volve facer unha chamada de atención sobre a necesidade de avanzar na corresponsabilidade dos coidados da infancia e das persoas maiores, que a maioría das veces recaen nas mulleres, con todo o que iso implica en canto a renuncias profesionais, aspiracións vitais e en sobrecargas físicas e emocionais. O contido íntegro da declaración desvelarase mañá, 8M, inicio dun calendario de actividades no municipio no que tamén se implican as entidades e o CEIP San Ramón.

No caso da escola, o Concello colaborará o xoves ao mediodía -despois do recreo- achegándolle ao alumnado o espectáculo “Toupiciencia” da compañía A Xanela do Maxín, previsto inicialmente para o Día Internancional da Muller e a Nena na ciencia pero que tivo que adiarse por problemas de axenda. Toupiña e outros monicreques descubriranlle á rapazada curiosidades sobre a astronomía, a física, a bioloxía, a química ou as matemáticas, con mención especial a aquelas mulleres que fixeron avanzar o coñecemento científico e tecnolóxico cos seus descubrimentos.

O sábado 11, veciñas das cinco parroquias de Moeche participarán nun xantar de imanamento organizado pola asociación veciñal de Labacengos. Trátase do cuarto encontro en feminino convocado pola entidade e o primeiro presencial desde marzo de 2020, que daquela se celebrou xusto antes do Estado de alarma decretado por causa da pandemia.

Estrea do documental “Mulleres de Moeche. A nosa historia”
Unha das citas principais do 8M en Moeche vai ser a estrea do documental “Mulleres de Moeche. A nosa historia”, que terá lugar no Centro Cultural Francisco Piñeiro o domingo 19 de marzo ás 12:00h con entrada libre.

Nas últimas semanas graváronse varias entrevistas con mulleres do territorio nas que contan as súas historias persoais ao tempo que comentan as principais diferencias entre a vida que elas levaron e a das xeracións máis novas. A peza é a primeira dunha serie que se pretende ir ampliando en anos sucesivos contando coa participación de máis veciñas de Moeche de distintas idades, abordando outras cuestións que tamén se analizarán desde a ollada feminina.

A produción do documental está financiada cos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de xénero. O seu pase en primicia o día 19 irá seguido duns petiscos e, segundo avanza a concelleira de Igualdade, Cris García Rey, “tamén teremos algunha sorpresa para as mulleres que participaron”.